2025
A familia promotora desta obra buscaba construír unha casa para retornar a vivir na súa vila de sempre. A parcela, sita nun núcleo rural cun gran patrimonio natural e arquitectónico, conta cunhas preexistencias que se tiveron en conta e que se puxeron en valor no proxecto desta vivenda.
A finca contaba cun muro frontal cun sistema mixto; parte se resolvía cun muro de pedra seca que atopamos practicamente soterrado mentres que o resto da fronte estaba delimitada simplemente cun peche tradicional de terra, un noiro con vexetación. Aínda que por seren técnicas tradicionais protexidas era posible non acometer unha cesión de dito fronte ao concello, tomouse a decisión de realizar esa cesión recuando o límite do terreo, pero respectando as técnicas tradicionais e poñéndoas en valor reconstruíndo e completando os muros do mesmo xeito máis atrás. Así hoxe é posible acceder en coche á finca, cousa que antes era especialmente difícil.
O outro elemento con valor patrimonial da parcela é a ruína dunha antiga vivenda dunha única estancia da que se conservan os muros nada máis. O criterio tamén foi de conservación e posta en valor deste elemento facéndoo partícipe do deseño da zona exterior.
Este terreo conta cunha servidume de paso cara os terreos posteriores para permitir aos propietarios o acceso para o coidado dos mesmos. O proxecto encaixa esta obrigación no deseño de modo que se divide a parcela en dúas partes incluíndo un camiño que atravesa a finca: ao norte do camiño, na zona cunha topografía máis regular e na cota máis baixa da parcela sitúase a vivenda e o xardín máis privado da casa, delimitado polos muros existentes e un peche lixeiro no cal se sitúa a cancela de entrada; ao sur queda a parte da parcela cun perfil máis marcado e que queda como zona máis aberta e natural, respectando as árbores existentes que serán un sistema natural de control da exposición ao sol e da temperatura da casa, especialmente en verán.
O camiño central, aparte de para dar servizo a dita servidume, serve para acceder ao garaxe da vivenda, que queda oculto ao fondo da parcela e deixa o espazo dianteiro da mesma e polo tanto as vistas para a zona de día da casa e o xardín. A vivenda pois desenvólvese na zona sur da finca e en planta baixa cunha cimentación superficial, minimizando no posible a necesidade de transformación do terreo, reducindo o impacto no perfil tradicional do núcleo, asegurando unha correcta relación volumétrica coa contorna e especialmente coa ruína existente na parcela, coa que dialoga dende o respecto e incluso, pola posición máis retrasada da vivenda, deixando que dende o camiño de acceso a peza que teña maior presenza sexa a da antiga edificación de pedra seca.
A distribución da vivenda formula unha zona de día vencellada á parte dianteira da casa. A cociña e o comedor poden pecharse cunhas grandes portas de vidro ou ben poden abrirse ao salón xerando un gran espazo flexible. Este concepto de flexibilidade ten a súa continuidade nas portas ao xardín dianteiro e nas do patio de acceso dende o camiño central, de tal xeito que o interior e o exterior dialogan creando unha gran área de día no que o de fóra e o de dentro son espazos de desfrute familiar e social. A zona de noite sitúase cara o fondo da parcela, de tal xeito que funciona como unha área máis privada, máis recollida e protexida de miradas dende o camiño dianteiro da vivenda e dos veciños.
En canto a construción da vivenda, todas as decisións encamiñáronse á creación dunha casa de consumo enerxético case nulo e de redución do impacto da obra no medio ambiente, cuestión que priorizaron os clientes dende o primeiro momento e fío condutor fundamental na nosa arquitectura.
Arquitecto Técnico:
Jose Iglesias Ferreira.
Constructora:
Alfredo Vidal SL.
Fotografía:
Nacho Morán Cuadrado.