Free cookie consent management tool by TermsFeed

Proxecto de Execución e Dirección de Obra de vivenda unifamiliar en Nigrán

CASA 2 FAMILIAS

2021

Dúas familias, cada unha de 4 membros, decidiron convivir xuntas nunha mesma vivenda. Para iso contrataron á empresa de carpintería artesanal Casabío, empresa galega de bioconstrucción especializada na construción en madeira e encabezada polo Mestre Carpinteiro Luis Méndez, coa idea de construír o seu novo fogar dende as premisas fundamentais da ecoloxía, a sustentabilidade e o respecto á contorna.

Cun Proxecto Básico entregado e con vistas a modificación do mesmo para a elaboración do Proxecto de Execución e a Dirección de Obra, comeza a nosa colaboración que finalizou cuns clientes satisfeitos que cohabitan unha edificación e unha parcela na que desenvolven unha forma moderna de habitar na que a palabra compartir é o concepto fundamental.

Esta casa emprázase nunha parcela en Nigrán, a 4km da praia de Panxón na zona exterior da Ría de Vigo, zona con clima privilexiado e repleta de natureza. Un dos primeiros condicionantes desta obra foi o respecto á contorna natural e o diálogo entre esta contorna e a vivenda.

A vivenda deseñouse en dúas plantas de forma rectangular, de tal forma que permitiu organizar unha gran zona común (cociña, salón, despensa, lavandería e instalacións) en planta baixa que conecta nos extremos coas zonas privadas de cada familia (cada familia dispón de dormitorios, salón privado e baño) e tamén coa planta alta (zona común enfocada aos xogos dos nenos).

Esta zona central conecta co exterior a través dunha gran fiestra que conduce a un soportal resolto cunha estrutura de madeira e que fai unha transición amable entre o exterior natural e o interior da vivenda.

Toda a construción da vivenda segue a liña de bioconstrución marcada polos clientes e que tanto define o traballo de Casabío. Unha estrutura de madeira a base de pórticos coas mínimas unións metálicas posibles e que forman parte non só da estrutura da vivenda senón tamén do deseño interior, coa idea de crear grandes espazos interiores diáfanos e luminosos no que a madeira sexa tan protagonista como o é no exterior. Ademais, a envolvente térmica conta cun illamento formado por materiais ecolóxicos que, conxuntamente coas instalacións de enerxías renovables, converten a esta casa nunha vivenda de consumo enerxético case nulo, reducindo ao mínimo o impacto desta obra no medio ambiente.

Arquitecto Técnico:
Roberto Roget Antelo.

Construtora:
Casabío.