Free cookie consent management tool by TermsFeed

Redacción de proxecto urbano en Pazos de Borbén

CONTORNA DA IGREXA DE SAN PEDRO DE CEPEDA

2023

A Igrexa de San Pedro de Cepeda atópase no alto do Lugar O Campiño. Pola súa posición elevada e visible e a presenza do cemiterio que a rodea, a igrexa funciona non só como lugar de culto, senón tamén como fito comunitario da parroquia. Esta igrexa é un edificio con valor patrimonial e está rodeada de diversos elementos de construción recente, tales como a fonte situada na esquina do peche de granito do ámbito (que tamén inclúe o cemiterio), a escalinata de acceso ou o palco da música situado fronte á fachada principal. No adro da igrexa destaca unha oliveira de gran porte.

Este proxecto abrangue un ámbito de actuación nunha intersección de camiños (EP-2702-Lugar O Campiño e espazo fronte á igrexa-Lugar A Presa) que rodea á igrexa e conforma unha pequena praza por ensanchamento próxima ao río Nespereira, na Parroquia de Cepeda.

A día de hoxe, a contorna da Igrexa de San Pedro de Cepeda atópase completamente asfaltada, con atención prioritaria a cuestións funcionais para tráfico e estacionamento en detrimento da calidade e estética do espazo público. O ámbito funciona fundamentalmente como sitio de paso de vehículos e de aparcadoiro para o cemiterio. Tamén se utiliza este espazo como praza para a celebración das festas da parroquia, o que reforza a posición da Igrexa e a súa contorna como fito comunitario e de reunión veciñal.

O Concello de Pazos de Borbén está adherido á Rede Ágora de Concellos polo Espazo Público creada pola Deputación de Pontevedra, polo que partilla os seus principios a prol de considerar e valorizar o espazo público como un dereito fundamental da cidadanía, motivo polo cal o proxecto promove unhas actuacións que responden ao criterio de aumentar a superficie de mobilidades activas reducindo o tráfico motorizado, de acordo coa xerarquía establecida pola Guía básica de espazos públicos e mobilidade amable da propia deputación.

A actuación proxectada prevé dúas zonas diferenciadas: por unha banda, o camiño que conecta a estrada de acceso que deberá seguir tendo esta función de paso e acceso ás casas da zona; pola outra, esta praza que será o espazo central do ámbito e onde se sitúan tanto a entrada ao adro da igrexa coma o palco da música. Será esta zona a que se trate cuns materiais máis nobres que a destaquen como nodo fundamental da actuación na busca dese lugar de estancia e relación veciñal.

Os eixos fundamentais da proposta son os seguintes: a transformación da superficie do ámbito con pavimentos de elevada calidade elixindo en función do seu uso peonil ou mixto e da posición dos mesmos respecto aos elementos patrimoniais; a implementación do verde, incrementando a presenza de vexetación e mellorando a recollida de augas pluviais por infiltración; e, finalmente, a limitación da circulación do coche resolvendo o proxecto cunha plataforma única onde se restrinxe o tráfico rodado dotando de preferencia ao peón.

Deste xeito búscase a recuperación para o peón deste ámbito de interese patrimonial e o reforzo do mesmo como lugar de relación veciñal cun tratamento unificado do espazo principal de praza vencellado ao palco da música e a entrada á igrexa e o cemiterio, con pavimentos de elevada calidade, a incorporación de iluminación axeitada e posta en valor dos elementos patrimoniais e paisaxísticos e o acondicionamento dos camiños cun criterio de homoxeneidade coa intervención na propia praza. 

Infografía:
Paula Ferro Delgado.