Free cookie consent management tool by TermsFeed

Reforma de Ático en Vigo

PISO ADRIÁN

2017

O piso obxecto desta reforma sitúase na parte alta do Casco Histórico da cidade de Vigo, cunha orientación que permite desfrutar dunhas magníficas vistas á ría ao mesmo tempo que aproveita a luz do sol as máximas horas posibles cada día.

A reforma busca ampliar o espazo e dotalo tamén no interior da luminosidade da que goza a terraza debido ao seu emprazamento privilexiado. Baixo estas premisas búscanse resolver as dúas necesidades principais a solucionar detectadas na vivenda durante a elaboración deste proxecto: a ampliación da cociña e a recuperación do altillo para un uso de diario máis aló do de almacén.

A solución a estas cuestións parte da organización do vestíbulo, nodo central das relación espaciais e circulacións da vivenda:

Por unha banda, amplíase ao mesmo ancho que o proposto para a nova cociña. Desta forma organízase unha comunicación tanto a nivel de paso como visual da zona de día, comunicando a través deste vestíbulo a cociña co salón-comedor e a terraza.

Pola outra, dótase ao espazo dun moble-escaleira que absorbe parte da almacenaxe da zona de día e, ademais, resolve a comunicación vertical co altillo. Ao facilitar dita comunicación pódese situar no mesmo un estudo de uso diario para o propietario. Así, aínda que a ampliación da cociña resta unha estancia na planta baixa do piso, esta se recupera na planta alta.

Este moble-escaleira deseñouse de forma que o seu impacto visual fora o menor posible, sempre buscando a lixeireza e por iso é un moble especialmente aberto ata o punto de permitir esconder os primeiros pasos no seu interior evitando así obstaculizar o paso entre o vestíbulo e o salón e non restando fluidez a proposta.

Deste xeito a nova proposta resolve unha distribución onde a apertura da relación dos espazos na planta baixa así como entre o altillo e o salón-comedor configura unha zona de día cunha gran fluidez e luminosidade.

Arquitecto Técnico:
Guillermo Grobas González.

Construtora:
NEOGEO Opera.