2020
Esta vivenda pertence a un dos máis altos rañaceos da Coruña e, como resultado de estar nun dos andares altos do edificio, conta cunhas magníficas vistas sobre a Ría da Coruña. A reforma buscou que estas vistas se puideran desfrutar dende a maior superficie posible do piso e, para iso, foi necesario unha reorganización da distribución da vivenda que simplificara as circulacións interiores e abrira os espazos cara as vistas das grandes fiestras dianteiras.
Esta reorganización levouse a cabo con tres xestos.
O primeiro foi a eliminación da habitación central completamente interior, que funcionaba a modo de rocho e que era o epicentro do nó das circulacións. A almacenaxe que se perde ao eliminar dito rocho substitúese con almacenaxe a base de mobiliario ao longo da vivenda e, en especial, cunha despensa que ocupa un espazo entre a nova cociña e o segundo acceso á vivenda.
A eliminación do rocho permite o segundo xesto, esa estancia central ampliada pasa a ser o salón – comedor da vivenda. Anteriormente estaba situado nunha esquina e para comunicalo coa antiga cociña era preciso atravesar todo o piso. Agora a comunicación entre a cociña, o comedor e o salón é máis directa, fluída e aberta, o que permite que todas as estancias reciban luz e teñan vistas dende as fiestras principais da vivenda. Ademais, a habitación lindeira coa cociña e co salón convértese nun despacho que ocasionalmente pode funcionar como dormitorio de convidados, polo que se formula en lugar de pechada cun tabique, comunicada cunhas grandes portas pregables de vidro, afondando na luminosidade da zona de día.
Finalmente, o terceiro xesto é a anulación do segundo corredor, permitindo unicamente comunicar directamente coa entrada a zona de día. Isto permitiu darlle ese espazo a un dos baños, que pasa a formar parte do dormitorio principal en suite que gaña tamén unha zona de vestidor. No corredor principal queda situado un vestíbulo, con mobiliario suficiente para gardar abrigos e zapatos, cun banco para sentarse e calzarse, e unha lavandería. Esta última peza xa existía anteriormente, pero foi renovada e agora está oculta tras unhas portas pivotantes de madeira que encaixan coa imaxe máis actual da vivenda.
Como en todas as reformas que levamos a cabo no noso estudo, foi de vital importancia a atención ao consumo enerxético da vivenda. Este foi reducido ao mínimo realizando a substitución das fiestras, un trasdosado interior en todas as fachadas e a instalación dunha ventilación mecánica na procura da máxima calidade do aire interior.
A reorganización espacial da vivenda permitiu que saíran á luz diferentes vigas da vivenda que, na zona de día, foron deixadas vistas en formigón, facendo que a estrutura do edificio participe da imaxe interior desta reforma que se fixo con especial coidado no deseño de todas as estancias, da cociña, da lavandería e dos baños, así como de todo o mobiliario de obra.
Construtora:
Alinea proyectos y obras.
Fotografía:
María del Mar Fernández Blanco.