2019
Este piso está situado no sexto andar dun gran edificio do ensanche de Santiago de Compostela. Localizada nunha esquina cara unha praza, esta vivenda desfruta de numerosas horas de luz ao día. A pesares desta situación privilexiada, a distribución interior é tan pechada que partes importantes da zona de día orientadas cara un escuro patio interior, como son a cociña e o vestíbulo, non reciben en ningún momento do día algo desta luminosidade que por orientación e altura deberían estar a recibir.
Un dos obxectivos principais desta reforma é que a luz participe de toda a zona de día e non só do salón sen resolvela cun concepto aberto, pois os propietarios consideraron preferible manter a cociña pechada e independente do salón. Para isto formúlase un moble de almacenaxe de dobre abertura, dende a cociña e dende o salón, en continuidade co novo moble e mesado proposto como complemento ao mobiliario existente na cociña. Este moble de dobre apertura complétase cunha fiestra interior de servizo entre a cociña e o salón, de tal forma que permita o paso da luz e o uso para pasar pratos e demais elementos dende a cociña á zona de comedor. Ademais, o tabique existente entre dito salón – comedor e o vestíbulo desaparece, de tal xeito que este participa da visión espacial da zona de día e tamén recibe a luz que antes non recibía.
Este piso contaba con cinco habitacións, o cal era máis do que os clientes necesitaban, e non tiña ningunha habitación dun tamaño suficiente para funcionar como dormitorio principal con vestidor. Unha desas habitacións conta cunha galería moi ben orientada, polo que se decide que esa sexa o novo dormitorio principal, dándolle unha habitación pequena lindeira como gran vestidor con fiestra propia. Esta reforma supón tamén a reformulación do corredor da zona de noite, o que permite colocar un armario común de servizo no mesmo.
Todo este cambio de distribución formúlase en tons claros, con presenza de brancos, grises e madeira, con especial relevancia do chan de madeira de eucalipto que participa de toda a vivenda a excepción da cociña e os baños (estes últimos non foron obxecto da reforma).
Finalmente, outra das cuestións fundamentais a resolver nesta vivenda foi o seu consumo enerxético, especialmente no gasto de calefacción. Este proxecto supuxo tamén a colocación de trasdosados interiores en todas as fachadas, o cambio das fiestras por unhas novas máis eficientes e a instalación dun sistema de ventilación mecánica. Un piso, que antes tiña humidades polo mal estado da fachada exterior do edificio, e que tiña uns grandes consumos de calefacción pola inexistencia de algún tipo de illamento tanto na fachada exterior coma nos patios interiores, actualmente está en niveles case nulos de consumo de calefacción.
Construtora:
Arkivolta Construcción y Mantenimientos.
Fotografía:
Nacho Morán Cuadrado.