Free cookie consent management tool by TermsFeed

Redacción de proxecto urbano en Pazos de Borbén

CONTORNA DA CAPELA DO CARME DE ALVITE

2023

A Capela do Carme de Alvite en Nespereira é un elemento con valor patrimonial e data de 1663 segundo a inscrición da súa fachada. Este Proxecto abrangue un ámbito de actuación no que o Camiño do Lugar de Alvite pasa ao carón da propia Capela, a Casa Veciñal de San Martín de Nespereira (construída no ano 1902 e que ten un valor moi importante como sitio de reunión veciñal) e algunhas casas privadas producíndose un espazo de praza polo ensanche deste camiño.

Hoxe en día a contorna da Capela do Carme de Alvite atópase completamente asfaltada, con atención prioritaria a cuestións funcionais para tráfico e estacionamento en detrimento da calidade e estética do espazo público. O ámbito alberga os contedores esparexidos ao todo o longo do mesmo e funciona fundamentalmente como sitio de paso de vehículos e de aparcadoiro tanto da propia capela, como da Casa Veciñal e do bar existente na zona.

O Concello de Pazos de Borbén está adherido á Rede Ágora de Concellos polo Espazo Público creada pola Deputación de Pontevedra, polo que partilla os seus principios a prol de considerar e valorizar o espazo público como un dereito fundamental da cidadanía, motivo polo cal o proxecto promove unhas actuacións que responden ao criterio de aumentar a superficie de mobilidades activas reducindo o tráfico motorizado, de acordo coa xerarquía establecida pola Guía básica de espazos públicos e mobilidade amable da propia deputación.

A actuación proxectada prevé a recuperación para o peón deste ámbito de interese patrimonial creando un espazo de uso peonil e zona verde delimitado con elementos de mobiliario urbano, incorporación de árbores, iluminación axeitada e algún bolardo, acoutando o paso de vehículos ao Camiño Lugar de Alvite e restrinxindo o tráfico agás veciños e servizos no espazo entre a Capela e o bar.

Os eixos fundamentais da proposta son os seguintes: a transformación da superficie do ámbito con pavimentos de elevada calidade elixindo en función do seu uso peonil ou mixto e da posición dos mesmos respecto aos elementos patrimoniais; a implementación do verde, incrementando a presenza de vexetación e mellorando a recollida de augas pluviais por infiltración; e, finalmente, a limitación da circulación do coche resolvendo o proxecto cunha plataforma única onde se restrinxe o tráfico rodado dotando de preferencia ao peón.

Deste xeito búscase poñer en valor a Capela (hoxe en día cun funcionamento practicamente de rotonda) e a Casa Veciñal, coa idea de transformar un ámbito actualmente tratado de xeito unificado coa creación de dous espazos de estancia vencellados, un á Capela de Alvite e outro á Casa Veciñal, coa incorporación e posta en valor dos elementos patrimoniais e paisaxísticos e o acondicionamento dos camiños cun criterio de homoxeneidade coa intervención na propia praza.

Infografía:
Paula Ferro Delgado.