2021
A área delimitada do ARI de ámbito urbano do Casco Vello de Ponteareas conta cunha superficie de 9,28 hectáreas. Consta este espazo dun número total de 518 vivendas que se agrupan nun total de 74 edificios de uso residencial colectivo e 133 vivendas unifamiliares. Ademais, no ámbito existen 5 edificios de equipamentos.
A súa delimitación parte da orixinalmente establecida na ordenanza Tipo Casco Vello do PXOM do Concello de Ponteareas. Esta delimitación viuse ampliada para acoller todos os edificios recollidos no Catálogo dos Bens do Patrimonio Cultural do Medio Rural e Urbano de Ponteareas, e que se atopan en contacto co límite marcado para o Casco Vello por dito PXOM.
O Casco Vello de Ponteareas é un ámbito no que aínda se conservan edificios nobres da elite vilega local construídos ao longo do S.XIX que coexisten con edificios máis modestos, todos unifamiliares e moitos entre medianeiras, de entre dúas e tres alturas en orixe. En todos destaca a presenza da pedra e o traballo dos antigos canteiros. Moitos destes edificios foron transformados nas súas plantas baixas para albergar locais comerciais “modernos” e incluso lles foi engadida algunha altura a maiores.
Con todo, hoxe en día estes edificios tradicionais, mestúranse no Casco Vello con edificios plurifamiliares dos anos 70, 80 e 90 totalmente fora de contexto en canto a escala e materiais, e dunha calidade arquitectónica bastante baixa orixinarios dos procesos de forte crecemento edificatorio asociados á falta de planificación urbanística a longo prazo e aos cambios na lexislación especialmente nos anos 90, o que derivou nun casco urbano heteroxéneo, con edificios de diferentes tipoloxías e alturas, con vías estreitas e escasos espazos verdes.
A aprobación desta ARI é unha das ferramentas coas que agora conta o Concello de Ponteareas para poder reverter esta situación, sendo a base principal das actuacións de rehabilitación en contornas urbanas coa que se dotou Galicia a través do IGVS (Instituto Galego de Vivenda e Solo).
Fotografía:
Colectivo NOZ. Traballo de campo.