Free cookie consent management tool by TermsFeed

Reforma de piso en A Coruña

PISO LETICIA & IVÁN

2019

A reforma deste piso tivo unha situación de partida ideal. Unha vivenda pertencente á torre máis alta da Coruña e que conta cunha cantidade tal de fiestras na súa fachada que lle permite desfrutar dunhas vistas panorámicas de toda a cidade (dende o monte de San Pedro ata o interior da ría).

Dende o comezo buscouse resolver as principais necesidades expostas polos clientes dende a premisa de facer que todos os espazos da vivenda foran o máis luminosos posible todo o tempo do día posible á vez que teñan todos vistas sobre a cidade. As cuestións fundamentais solicitadas polos promotores e que o piso non cumpría de base son as seguintes: unha cociña máis grande cunha illa central, un dormitorio principal independente con vestidor e baño propio e un pequeno espazo de despacho.

A vivenda organizábase orixinalmente ao redor dun corredor central que funcionaba a modo de barreira e que non permitía que os espazos situados a un lado do mesmo participaran da luz e das vistas das que desfrutaban os espazos do outro lado. Romper esta barreira é a forma de resolver tamén as necesidades formuladas polos clientes.

O corredor central desaparece xerando unha zona de día aberta e fluída, cunha comunicación directa entre o salón e a cociña que só se ve interrompida cando se pecha a gran porta vidrada que os delimita. Cando a cociña está pechada esta porta funciona como porta do moble de almacenaxe da zona de paso e acceso aos dormitorios secundarios.

A cociña foi ampliada de tal xeito que agora si ten unha illa central suficiente con mesa para comer. Xunto a ela actualizouse o lavadoiro que se mantén no mesmo sitio.

A zona de circulación segue existindo como eixo de comunicación da vivenda, pero xa non está delimitada por tabiques, o que permite que o salón – comedor sexa un espazo máis amplo. Este corredor aberto conecta o vestíbulo (onde aparte dun gran armario se sitúa o aseo da zona de día) cunha das dúas zonas de noite da casa, na que se sitúan dous dormitorios e un baño común para ambas pezas.

Ao carón do estudo e cunha entrada independente sitúase a outra zona de noite, na que está o dormitorio principal co vestidor e un baño propio, creando así unha zona de descanso dos propietarios independente e que fai que podan utilizala en base aos seus particulares horarios laborais sen interferir no descanso dos ocupantes dos outros dormitorios.

A luminosidade do piso foi reforzada cun deseño en tons claros no que os clientes, como parte fundamental para nós no desenvolvemento dos nosos proxectos, elixiron os materiais e as cores do chan, mobiliario e paredes.

A sustentabilidade foi, coma sempre nas nosas obras, unha cuestión fundamental. Por isto foron cambiadas todas as fiestras por unhas novas máis eficientes e toda a envolvente foi illada cun trasdosado que substituíu a antiga folla interior da fachada para así conseguir un consumo mínimo de calefacción sen perder superficie na vivenda.

Construtora:
Estilo d50.

Fotografía:
Nacho Morán Cuadrado.