Free cookie consent management tool by TermsFeed

Reforma de Piso en Vigo

PISO CRISTINA & JORGE

2018

Este piso localízase no centro da cidade de Vigo, nunha rúa con todos os servizos, pero tamén con todo o barullo e o tráfico a iso asociado. Tendo en conta que o andar no que se sitúa a vivenda é un primeiro e que inmediatamente debaixo teñen un bar, os propietarios marcaron como fundamental que unha das cuestións que formulara o proxecto fora cambiar a posición do dormitorio principal da fachada á rúa ata a zona do piso lindeira co patio interior, máis tranquilo e silencioso.

A cuestión do illamento acústico foi prioritaria nesta reforma, o que unido un dos obxectivos recorrentes nas nosas obras, a sustentabilidade e a redución do consumo enerxético das edificacións, conlevou unha necesaria substitución das antigas fiestras por unhas novas que minimizaran a entrada do ruído da rúa e con isto as molestias na vivenda.

En canto a distribución da vivenda esta organízase en dúas zonas ben diferenciadas:

A zona de día onde se sitúa o vestíbulo, o salón-comedor e a cociña. Estes espazos antes completamente pechados convertían especialmente ao vestíbulo nunha estancia moi escura, na que nunca chegaba a luz natural, pero tampouco á cociña que, ao recibir soamente luz do patio interior e ser esta vivenda un primeiro, recibía unha luz insuficiente dende a galería do antigo lavadoiro.

Decidiuse entón crear unha zona aberta na que a luz que entra pola fachada principal bañe o máis posible todo o espazo. As distintas partes delimítanse con xestos que seguen permitindo a lectura completa da zona de día: por unha banda, unhas lamas verticais no vestíbulo en continuidade co moble zapateiro da entrada onde tamén se ocultan os cadros eléctricos, e pola outra, unha gran porta vidrada que permite pechar en certos momentos cando por cuestións de olores así se precise.

A zona de día conéctase coa zona de noite por un mínimo corredor onde se sitúa o baño común.

Ao acceder á zona de noite aparece un espazo distribuidor que xa non é por forma e superficie un simple corredor, senón que é unha estancia máis da casa, unha biblioteca, unha zona de xogos, unha pequena sala de estar na zona máis privada da casa. Dende ela se accede aos tres dormitorios, onde cabe destacar que o dormitorio principal conta, ademais de cun baño privado e un vestidor, cun despacho onde os propietarios poden traballar na zona máis tranquila desta casa, a lindeira co patio interior.

A pesares de que a zona de noite é un espazo máis pechado por cuestións de privacidade, deseñouse con portas ata o teito, para percibila como un continuo, máis alta, espazosa e fluída, onde o nodo central é ese espazo intermedio onde, por exemplo, uns nenos o podan utilizar como a súa sala de xogos cando no salón haxa unha reunión de adultos.

Arquitecto Técnico:
Guillermo Grobas González.

Construtora:
CS Construtora.

Fotografía:
Nunegraphy.