2022
O promotor desta obra solicitou unha reforma que actualizase o espazo da oficina existente, solucionando, entre outros problemas, as filtracións de auga dende a terraza, creando un espazo completamente adaptado á mobilidade reducida e aproveitando a obra para dotar á sala de traballo dunha zona de office e dun baño adaptado. Ata o momento os usuarios do local tiñan que utilizar uns aseos non accesibles para cadeiras de rodas nas zonas comúns da entreplanta do edificio.
Esta reforma conlevou un segundo obxectivo: proxectala prevendo unha posible transformación en vivenda no futuro, de tal xeito que todos os traballos formulados son compatibles con dita transformación, sendo o office ampliable a unha cociña, o despacho convertible en dormitorio, o baño totalmente aproveitable para vivenda e o resto do local facilmente adaptable a un espazo de vestíbulo, estar e comedor. En consecuencia, todas estas estancias nun futuro deberán cumprir as Normas de Hábitat de Galicia e o resto de normativas aplicables a vivenda. Por este motivo, con esta reforma buscouse ampliar a altura libre ata os 2,50m actuais e normativos, o que derivou na necesidade de baixar o nivel do chan e situar ramplas con mínimas pendentes tanto no acceso principal do local coma no acceso á terraza exterior.
Nesta reforma puidemos actuar na envolvente illando as fachadas cun trasdosado interior e tamén instalar un sistema de ventilación mecánica con recuperación de calor. A instalación dalgún sistema de calefacción permitirá que nun futuro este local poda ser utilizado como vivenda sen maior transformación do interior da xa levada a cabo neste proxecto.
Construtora:
Antonio López Pardo.
Fotografía:
Nacho Morán Cuadrado.