2023
Os propietarios deste baserri son dous irmáns que querían habitalo conxuntamente, pero de xeito distinto. Un deles pretendía facer da casa o lugar de residencia habitual da súa familia e tamén o seu taller de traballo, mentres que o outro irmán quería simplemente ter unha segunda residencia para xuntanzas familiares, fins de semanas ou algunhas vacacións.
Levouse a cabo unha intervención que respectou as características tradicionais do exterior do edificio, procedendo a resolver o seu necesario illamento térmico trasdosando interiormente os muros e substituíndo as antigas fiestras por unhas novas máis eficientes que manteñen a mesma posición no cerramento das antigas, o que permitiu colocalas conxuntamente cunhas contraventás seguindo o sistema tradicional existente. Deste xeito os traballos non supoñen unha modificación da imaxe exterior do edificio que puidera significar un impacto no núcleo tradicional onde se sitúa esta casa.
Un dos principais retos neste proxecto foi a reorganización da distribución interior para dotar ao edificio de tódolos usos requiridos e á súa vez conseguir o mellor aproveitamento da luz e vistas ao excepcional paisaxe natural da zona. As antigas cuadras na planta baixa convertéronse nun taller artístico practicamente diáfano cunhas mínimas divisións que permitiron colocar tamén un aseo e o cuarto de instalacións; na planta primeira resolvéronse as dúas vivendas familiares que xunto á escaleira forman a zona calefactada do edificio; finalmente, o baixo cuberta quedou como un gran espazo diáfano con uso de rocho.
Executáronse unhas novas instalacións a base de enerxías renovables que, xunto á intervención na envolvente térmica da edificación, supoñen unha actualización das condicións de confort da casa aos estándares actuais reducindo o consumo enerxético do edificio e conseguindo, polo tanto, unha construción máis sustentable.
Destaca tamén a intervención na escaleira, elemento ao que se pretendeu dar un valor especial, mantendo o estupendo tramo que unía a planta baixa coa primeira no seu estado orixinal e enlazando este cun tramo de nova construción (substituíndo ao orixinal que non era aproveitable pola súa degradación), nun intento de unir e darlle continuidade ao preexistente con esta nova etapa que vai vivir a edificación.
Arquitecta colaboradora en obra:
Estíbaliz Aldama Molinuevo.
Construtora:
Obras y reformas MOROZ SL.
Fotografía:
Gorka Ortega.