2023
No Concello de Ponteareas existen oito vivendas en ringleira dun modelo semellante aos que existen en numerosos concellos da provincia de Pontevedra. Estas vivendas foron creadas nas vilas da provincia para dar resposta á necesidade de albergar aos mestres preto dos colexios onde eran destinados. Neste caso, estas vivendas son lindeiras ao centro de ensinanza C.E.I.P. Virxe dos Remedios, e ao seren as edificacións máis antigas na rúa e debido a súa importancia histórica na vila a propia rúa onde se emprazan chámase Rúa dos Mestres.
Cada unha das edificacións conta cunha planta baixa con patio traseiro e planta primeira. Á planta baixa éntrase dende o espazo do salón, na parte posterior atópase a cociña dende a que se accede ao patio. No espazo de entrada, o estar, aparecen as escaleiras de estrutura metálica e chanzos en voo de madeira que dan acceso á planta primeira onde se sitúan tres dormitorios e un baño completo. Unha sinxela distribución que ao noso entender funcionaba ben e que só precisou de lixeiras modificacións en planta baixa para ampliar o paso e a relación espacial entre a cociña e o salón e engadir nela un pequeno aseo. O respecto da distribución xeral das vivendas supuxo unha redución dos traballos necesarios na rehabilitación, o que derivou nunha intervención máis económica.
Colectivo NOZ elaborou un proxecto en dúas fases para converter estas casas en varias vivendas de emerxencia social, unha delas adaptada para mobilidade reducida, deixando algunha á disposición do Concello para outros usos (Protección Civil e locais de asociacións) sen modificar a súa distribución nin eliminar a posibilidade de que finalmente podan tamén funcionar como vivendas. A solución adoptada para dotar destes usos ás distintas casas baseouse en tres cuestións fundamentais:
Primeiro e fundamental, a rehabilitación da envolvente térmica. Instalouse un SATE nas fachadas, substituíronse as fiestras por unhas novas de aluminio máis eficientes, cambiouse o tellado (aproveitando para illar o baixocuberta con la de roca) e executáronse novas soleiras de formigón sobre encachado de grava.
Segundo, a renovación das instalacións. Dotáronse ás vivendas dunha instalación de calefacción da que ata o momento carecían (na primeira fase conectando as vivendas á rede de gas natural do municipio e xa na segunda conectándoas á nova rede de calor municipal a base de biomasa), instaláronse sistemas de ventilación mecánica con recuperación de calor e ademais actualizáronse as instalacións de saneamento, de auga e de electricidade.
Finalmente, equipáronse completamente as vivendas para que estas puideran ser postas en uso directamente unha vez rematadas as obras. Para isto foi necesario o deseño das cociñas e de varios mobles a medida, a restauración das escaleiras e a compra de mobles de uso diario.
Actualmente falta a obra final da segunda fase, que levará a cabo directamente o Concello de Ponteareas e na que resolverán o interior das vivendas que aínda están por rematar.
Arquitectos Técnicos:
Guillermo Grobas González. Fase 1.
Jose Iglesias Ferreira. Fase 1 e 2.
Construtoras:
INNOVA Profesional Desarrollos SL. Fase 1.
SODEIN Soluciones Integrales SL. Fase 2.
Fotografía:
Nacho Morán Cuadrado.