2018
Os promotores desta obra vivían na cidade e buscaban renovar e ampliar a súa antiga casa da vila coa idea de utilizala en fins de semanas e vacacións, para descansar e para reunir a familia na casa de toda a vida.
O estado da antiga edificación, construída a finais do S.XIX, tanto a nivel estrutural como de distribución e de altura libre no interior, recomendou a súa demolición para a construción dunha nova vivenda máis ampla e cunha distribución máis axeitada ás necesidades actuais de uso.
A nova proposta trata de integrarse e respectar unha contorna de arquitectura popular en ladrillo visto. A utilización de sistemas construtivos tradicionais, especialmente o aparello de ladrillo e as estruturas de madeira en cuberta, non impiden a consecución dos estándares de benestar actuais entre os que destaca a redución do consumo enerxético ampliando o illamento da vivenda. Desta forma conséguese unha construción moderna pero integrada no lugar, construída por xente do lugar e con técnicas do lugar.
A distribución resólvese situando a entrada, o salón e os dormitorios na fachada principal (a de acceso dende a rúa e orientación sueste). A parte do estar destinada a comedor e a cociña ábrense ao gran patio traseiro con orientación sur a través dun soportal. Neste patio é onde están emprazadas outras pezas anexas da vivenda como o cuarto de instalacións ou un segundo comedor. Finalmente, os baños sitúanse ao carón do patio interior orientado ao oeste e permitindo que desfruten de iluminación e ventilación natural. Todas as pezas relaciónanse a través dun distribuidor central, que ao pasar cara a zona de noite da vivenda ábrese ao patio interior bañando de luz a zona máis pechada da casa.
Para a resolución desta nova organización da vivenda foi necesario o cambio de posición da porta de entrada dende a rúa. Deste xeito o distribuidor fai de bisagra entre a zona de día máis pública e a zona de noite máis íntima e todas as pezas se sitúan nunha orientación que lles concede ao longo do día unhas horas de boa luminosidade. Este xesto tamén permitiu axustar o máis posible a forma das pezas da vivenda e ter unha distribución bastante regular a pesares de ter a parcela obxecto deste proxecto unha xeometría complexa con numerosos encontros en ángulos complicados.
Así, resolveuse unha casa tal que, o que ía ser un espazo de desfrute para os fins de semana e algunhas vacacións, rematou por ser a vivenda habitual da familia. Deste xeito unha antiga casa en desuso do S.XIX substituíuse por unha nova vivenda que, respectando os orixes e integrándose na contorna e a súa arquitectura popular, permite que a familia volva a vivir na súa vila de sempre, pero cunhas condicións de confort acordes ao S.XXI.
Arquitecto Técnico:
Luis Puga Oribe.
Construtora:
Jesús Ángel Martín Hernández.
Fotografía:
Estudio Blanco.